Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela celebrou o acto de entrega de diplomas dos cursos de introdución á lingua e cultura galega desenvolvidos no marco do seu programa de Emprego e Formación. A iniciativa permitiu que preto de 25 persoas migrantes adquirisen coñecementos básicos de lingua e cultura galega, favorecendo así a súa integración social, comunitaria e laboral.
O acto serviu para recoñecer publicamente o esforzo, a constancia e a implicación das persoas participantes, que completaron algún dos tres talleres de 20 horas impartidos entre o 14 de setembro e o 5 de novembro no centro de Cáritas da Carreira do Conde.
A formación desenvolveuse ao abeiro da segunda edición do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e Cáritas Federadas en Galicia. O programa responde a unha dobre finalidade: facilitar os procesos de inclusión das persoas chegadas doutros países e fomentar o galego como lingua propia, común e de acollida nunha sociedade cada vez máis diversa.
Na entrega de diplomas participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; a directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Pilar Farjas Abadía; a responsable de Economía Social e Formación Sociolaboral da entidade, Enriqueta Rivas Lombardero; e o equipo docente integrado por Isabel Sánchez Manso e Manuel Fernández Castelo.
Crear espazos de integración e convivencia
As persoas participantes procedían de Arxelia, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Marrocos, México, Paraguai, Perú, Senegal, Siria e Venezuela, unha diversidade de procedencias que reflicte a realidade intercultural presente hoxe na capital galega e a importancia de crear espazos que favorezan a convivencia e a participación social.
Durante a súa intervención, Pilar Farjas destacou que “aprender galego é moito máis que aprender unha lingua. É unha forma de abrir portas, de relacionarse coa contorna e de sentirse parte da comunidade. Hoxe recoñecemos o esforzo de persoas que deron ese paso e que contribúen a construír unha Compostela máis diversa, máis aberta e máis cohesionada”.
A directora de Cáritas Diocesana de Santiago subliñou tamén que “poder comunicarse, comprender a realidade que nos rodea e participar plenamente na vida da comunidade son elementos fundamentais en calquera proceso de inclusión. Estes cursos achegan ferramentas útiles para a vida diaria, pero tamén crean vínculos, fortalecen a convivencia e favorecen o encontro entre persoas de diferentes orixes”.
Máis alá da acreditación académica, os cursos constituíron un espazo de aprendizaxe compartida, coñecemento mutuo e achegamento á cultura galega. Para moitas das persoas participantes, a formación supón un paso importante no seu proxecto de vida, facilitando o acceso ao emprego, a relación co seu ámbito máis próximo e a súa participación activa na sociedade.
Con iniciativas coma esta, Cáritas Diocesana de Santiago reafirma o seu compromiso coa acollida, a formación e o acompañamento das persoas migrantes, convencida de que a inclusión e a igualdade de oportunidades son elementos indispensables para construír unha sociedade máis cohesionada, solidaria e comprometida co ben común.