25 de novembro: dignidade e xustiza

Cada 25 de novembro lembramos que a violencia contra as mulleres segue a ser unha das maiores vulneracións dos dereitos humanos. Esta violencia adopta moitas formas, algunhas visibles e outras máis ocultas. Entre elas, a prostitución, a explotación sexual e a trata constitúen unha grave manifestación da violencia machista, xa que se sustentan na desigualdade, na pobreza, na discriminación e na vulneración da liberdade e da dignidade das mulleres.

Desde o Programa Vagalume de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela coñecemos esta realidade a través das mulleres ás que acompañamos cada día. Durante este ano 2026 mantivemos contacto con máis de 500 mulleres en contextos de prostitución e/ou explotación sexual, realizamos 721 intervencións directas nos lugares onde se exerce a prostitución (clubs e pisos) en toda a Diocese e acompañamos de maneira integral a 85 mulleres nos seus procesos de recuperación, acceso a dereitos e construción de novas oportunidades de vida e alternativas ao exercicio da prostitución. Ademais, 24 mulleres conseguiron acceder a un emprego, un paso fundamental cara á súa autonomía e inclusión social.

Como parte da acción social de Cáritas, consideramos que toda persoa posúe unha dignidade inviolable que debe ser respectada e protexida. Por iso, apostamos pola acollida, a escoita, o acompañamento e a promoción integral das mulleres, especialmente daquelas que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade.

O 25N interpélanos tamén como sociedade. Non abonda con rexeitar a violencia cando se manifesta de forma evidente; é necesario recoñecer e cuestionar as estruturas que a sosteñen. A explotación sexual non pode entenderse á marxe das desigualdades sociais, económicas e de xénero que afectan especialmente ás mulleres máis vulnerables. Combater esta realidade esixe compromiso institucional, políticas públicas eficaces, sensibilización social e unha defensa firme dos dereitos humanos.

Neste 25N renovamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e coa erradicación de todas as formas de violencia, incluída a explotación sexual. Porque ningunha muller debe ser tratada como unha mercadoría. Porque a dignidade non se compra nin se vende. E porque só desde a xustiza, a solidariedade e o compromiso colectivo poderemos construír unha sociedade verdadeiramente libre de violencia para todas.

Lourdes Pazo, coordinadora do programa Vagalume. Cáritas Diocesana de Santiago.