A Escola de Tempo Libre de Cáritas Diocesana de Santiago ven de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do curso de Monitor/a de Tempo Libre, unha formación homologada pola Xunta de Galicia dirixida a persoas interesadas na educación non formal, a animación sociocultural e o acompañamento educativo da infancia e da mocidade.

As inscricións permanecerán abertas ata o 2 de setembro de 2026 ás 14.00 horas. As prazas son limitadas e a súa asignación realizarase por orde de inscrición, atendendo tamén aos criterios internos establecidos pola organización.

Formación teórica e práctica

O curso desenvolverase en modalidade de fins de semana e comezará o sábado 12 de setembro de 2026. A fase teórica estenderase ata o domingo 29 de novembro de 2026. A acción formativa consta de 200 horas teóricas, das cales 35 horas realizaranse en modalidade en liña, ás que se engaden 150 horas de prácticas, completando un total de 350 horas de formación.

O programa está orientado á adquisición dos coñecementos e competencias necesarias para a planificación, organización e desenvolvemento de actividades de tempo libre educativo con nenos, nenas e mozos e mozas.

Requisitos e matrícula

Para participar é necesario ser maior de 18 anos, estar en posesión do título da ESO, dispoñer de DNI ou NIF e presentar toda a documentación requirida dentro do prazo establecido.

A matrícula poderá formalizarse de forma presencial ou telemática, remitindo a documentación escaneada por correo electrónico ou presentándoa na sede de Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O prezo do curso é de 215 euros. A organización contempla distintos descontos e a posibilidade de acceder a bolsas co obxectivo de facilitar a participación das persoas interesadas.

Ademais da formación teórica e práctica, o curso inclúe unha fin de semana de formación non formal no Albergue Xuvenil de Arnela Luis Calviño.

Información e contacto

As persoas interesadas poden obter máis información sobre o proceso de matrícula, a documentación necesaria, o calendario ou as formas de pagamento a través dos seguintes canais: Escola de Tempo Libre de Cáritas Diocesana de Santiago. Teléfono: 981 55 21 40 Ou no enderezo electrónico: etl.cdsantiago@caritas-santiago.org