
Cáritas Diocesana de Santiago, a través do Programa Vagalume, intensificou ao longo deste ano o seu labor de sensibilización sobre as violencias machistas, a realidade da prostitución e a trata. En dez localidades da diócese, máis de 200 persoas participaron nas sesións formativas e de reflexión promovidas polo equipo, abrindo espazos de diálogo e conciencia crítica arredor das desigualdades que sustentan estas violencias.
Este traballo continuado e arraigado no territorio serve de punto de partida para o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que Cáritas na diócese de Santiago reitera o seu compromiso firme coa defensa da dignidade, da igualdade e da liberdade das mulleres que sofren agresións físicas, psicolóxicas, simbólicas, estruturais ou económicas.
A entidade chama a alzar a voz para denunciar todas as formas de violencia —física, psicolóxica, simbólica, estrutural ou económica— que seguen marcando a vida de miles de mulleres. Desde os proxectos que acompañan a vítimas de prostitución, trata e outras violencias machistas, a misión é clara: defender a súa dignidade e contribuír á construción de comunidades seguras, xustas e libres de calquera forma de dominación.
A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, sinalou que “cada acción de sensibilización é unha semente de cambio que nos achega a unha sociedade máis xusta e libre de violencias. Desde Cáritas, reafirmamos que acompañar é tamén denunciar e transformar.” E apuntou tamén que “o Programa Vagalume é unha mostra do compromiso real e constante de Cáritas coa defensa das mulleres en situación de vulnerabilidade. A nosa misión é estar ao seu carón, ofrecer apoio e abrir camiños para que recuperen a súa liberdade e dignidade.”
Unha chamada á acción comunitaria
Neste 25N, Cáritas na diócese de Santiago anima a toda a sociedade a participar activamente na sensibilización, na denuncia e na transformación social. A loita contra as violencias machistas non é só evitar o dano senón que é actuar, visibilizar e transformar, creando espazos seguros onde cada muller se saiba respectada e acompañada.









