Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela desenvolveu durante este ano o proxecto Acción Ventureira, unha iniciativa dirixida á mocidade para descubrir o valor do voluntariado social, da solidariedade e da participación comunitaria a través de experiencias prácticas, actividades de lecer educativo e espazos de convivencia.

O proxecto nace coa finalidade de achegar aos mozos e mozas unha visión próxima e participativa da acción social, ofrecéndolles a oportunidade de coñecer de primeira man a importancia do compromiso coa comunidade e o papel transformador que pode desempeñar cada persoa.

A través das distintas actividades e saídas organizadas, as persoas participantes puideron compartir experiencias, aprender en grupo, convivir e fortalecer vínculos persoais, ao tempo que reflexionaban sobre valores como a solidariedade, a cooperación, a empatía e a corresponsabilidade social.

Acción Ventureira estivo especialmente orientado á participación da mocidade a partir dos 16 anos. Todas as actividades foron gratuítas, garantindo que as circunstancias económicas non supuxesen unha barreira para acceder a esta proposta educativa e de participación social.

Desde Cáritas Diocesana de Santiago valoramos moi positivamente esta iniciativa, que permitiu crear espazos de encontro, aprendizaxe e compromiso, favorecendo que a mocidade descubrira novas formas de implicarse na realidade social da súa contorna.

Porque facer voluntariado tamén é aprender, coñecer persoas, crear vínculos, descubrir novas realidades e medrar xuntos. Acción Ventureira contribúe a construír unha xuventude máis comprometida, participativa e consciente da súa capacidade para transformar a sociedade.

Esta actividade foi desenvolvida por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco do programa Actividades de Voluntariado 2026.