
Con motivo do Día das Persoas Sen Fogar, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela ven de organizar unha xornada de sensibilización na que se puxo de manifesto a defensa dos dereitos das persoas en situación de senfogarismo e de severa exclusión social.
O acto deu comezo coa lectura dun manifesto que destacou a necesidade de garantir a todas as persoas o acceso ao lecer, a unha vivenda digna, a espazos seguros e, sobre todo, ao recoñecemento da súa dignidade como seres humanos. Unha mensaxe de reivindicación que forma parte do labor continuo que se desenvolve desde o Centro de Atención Social Continuada (CASC) Vieiro.
A continuación, as persoas participantes puideron coñecer a Igrexa de San Martín Pinario a través dunha visita guiada, que permitiu descubrir un espazo de grande valor histórico e cultural, ao tempo que se reflexionou sobre o dereito ao acceso ao lecer como elemento esencial para o benestar e a integración comunitaria.

A xornada concluíu cunha comida na Hospedería de San Martín Pinario, na que compartiron un tempo de encontro co equipo directivo de Cáritas Diocesana de Santiago e cos seminaristas que colaboran semanalmente co centro. Un momento de convivencia que puxo en valor a importancia dos pequenos xestos cotiáns para fortalecer vínculos e construír unha sociedade máis humana.
Este acto foi unha oportunidade para visibilizar a realidade das persoas en risco de severa exclusión social e reafirmar o compromiso de Cáritas Diocesana de Santiago por avanzar cara un mundo máis xusto, equitativo e respectuoso coa dignidade de todas as persoas.









