Máis de 250 voluntarios, persoas socias e veciños da Costa da Morte déronse cita este domingo en Vimianzo para participar na comida solidaria organizada polas Cáritas das parroquias de Cesullas, Cánduas e Borneiro, pertencentes a Cáritas en la diócesis de Santiago.

A forza de comunidade

A xuntanza converteuse nun espazo de convivencia no que se puxo de manifesto a importancia de recuperar e fortalecer os entornos de contacto humano e os vínculos de proximidade. O ambiente foi especialmente emotivo, cun marcado carácter comunitario e cunha participación moi activa do voluntariado da comarca.

A xornada incluíu a actuación musical e un sorteo de agasallos cedidos por diferentes comercios locais, como mostra do compromiso do tecido empresarial coa misión social de Cáritas.

 

A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, agradeceu de maneira especial a presenza e implicación das comunidades da Costa da Morte, destacando o papel insubstituíble do voluntariado e sinalou que «hoxe non celebramos só unha comida; celebramos a forza dunha comunidade que non deixa a ninguén atrás. Cada persoa que está aquí representa a esperanza e o compromiso que sosteñen o labor de Cáritas no día a día.” Tamén subliñou o valor de encontros como este para fortalecer os espazos de relación humana “nun tempo no que moitas persoas viven illadas ou solas, actos como este recórdannos que seguimos precisando mirarnos aos ollos, acompañarnos e tecer redes que nos humanizan. Ese é o corazón da nosa misión.”

Por último, Farjas destacou o exemplo da Costa da Morte como referente de solidariedade indicando que “a Costa da Morte é terra de xente forte e xenerosa. O que vimos hoxe en Vimianzo é unha lección de fraternidade que nos anima a seguir traballando xuntos por quen máis nos necesita.”

Entre os asistentes estiveron representantes eclesiais, autoridades locais e personas voluntarias que que fan a tarefa máis importante ó colaborar durante todo o ano nos programas de acompañamento e apoio ás familias en situación de vulnerabilidade.

Para Cáritas Diocesana de Santiago, esta gran participación representa un estímulo e un recordatorio do papel fundamental das comunidades locais para construír sociedades máis xustas, próximas e solidarias.