Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro 21 de marzo de 2026 un novo encontro de todo o voluntariado, unha cita pensada, sobre todo, para compartir tempo, experiencias e ilusión.

A xornada desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e contará con diferentes actividades participativas que buscarán favorecer o reencontro, fortalecer os vínculos e permitir que as persoas voluntarias —que colaboran en proxectos e parroquias diversas— poidan coñecerse un pouco máis e poñer rostro a tantas historias compartidas.

Despois da mañá de convivencia, celebrarase unha comida conxunta, como espazo distendido para continuar as conversas e seguir construíndo comunidade arredor da mesa. Pola tarde, ofrecerase tamén a posibilidade de participar nunha visita cultural para quen desexe prolongar a xornada.

Desde Cáritas en la diócesis de Santiago destacan que o voluntariado é o corazón da entidade: persoas que, co seu tempo, compromiso e cercanía, fan posible acompañar a quen máis o necesita. Encontros como este permiten reforzar ese sentimento de pertenza e agradecer, tamén de maneira colectiva, a entrega diaria de tantas persoas.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do formulario habilitado antes do 8 de marzo de 2026, para facilitar a organización. https://forms.gle/Tm6mQGK77dA5fEz17

Será, sen dúbida, unha oportunidade para compartir, escoitar, celebrar e seguir camiñando xuntas e xuntos.