
A médica e directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, recibiu o recoñecemento “Mulleres de Compostela 2026”, unha distinción que concede o Concello de Santiago de Compostela no marco do Día Internacional da Muller para destacar a traxectoria e o compromiso social de mulleres referentes vinculadas coa capital compostela.
Durante o acto, presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, Pilar Farjas quixo compartir o premio con todas as persoas que forman parte de Cáritas na diócese de Santiago. “Este galardón pertence ao equipo humano de voluntariado, traballadoras e traballadores de Cáritas”, afirmou, lembrando que o labor da entidade é sempre un traballo colectivo ao servizo das persoas máis vulnerables.
Ademáis, puxo en valor o compromiso de Cáritas Diocesana de Santiago coa xustiza social e coa dignidade humana, unha tarefa que, sinalou, se desenvolve en estreita colaboración cos servizos municipais e coas entidades sociais do territorio.
Unha mirada ás mulleres que máis o precisan
No seu discurso, Farjas fixo extensiva a felicitación coas compañeiras recoñecidas no acto e aproveitou tamén para chamar a atención sobre as situacións de desigualdade que seguen afectando especialmente ás mulleres. Citando datos do informe FOESSA, lembrou que catro de cada dez fogares sustentados por mulleres en España viven en situación de exclusión social. Alertou ademais de realidades como a violencia, a trata ou a explotación sexual, e reafirmou o compromiso de Cáritas Diocesana de Santiago na defensa da dignidade das mulleres e na loita contra a desigualdade social.

Un percorrido vital marcado polas oportunidades
Farjas quixo aproveitar este recoñecemento para facer tamén unha reflexión persoal sobre as oportunidades que marcaron a súa vida: poder estudar, desenvolver a súa profesión e formar unha familia.
Recordou que para moitas mulleres novas esas oportunidades non sempre están garantidas, debido ás dificultades para acceder a emprego estable, vivenda e ingresos suficientes para iniciar un proxecto de vida. Por iso, subliñou a importancia de impulsar políticas públicas que favorezan a igualdade de oportunidades.
A galardoada tivo tamén palabras de lembranza para as mulleres que sofren persecución e violencia en distintos lugares do mundo, así como para as persoas que viven a súa fe e o seu compromiso social en contextos de risco.
Un recoñecemento compartido
Na súa intervención, Farjas agradeceu ás mulleres que a acompañaron ao longo da súa vida (nai, amigas, profesoras e compañeiras) e que contribuíron á súa formación persoal e profesional.
Tamén compartiu unha reflexión sobre a importancia de facer visibles ás mulleres nos espazos de responsabilidade: “cando teñamos que designar unha persoa para un cargo ou unha responsabilidade, miremos ao noso arredor e fagamos visibles ás mulleres profesionais que poden ser as mellores candidatas”.
O acto rematou cunha mensaxe clara: o Día Internacional da Muller é unha xornada para celebrar os avances logrados, pero tamén para seguir traballando polos retos que aínda quedan por diante. Un compromiso no que Cáritas Diocesana de Santiago continúa implicada cada día acompañando ás persoas que máis o precisan.































