O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago ven de aprobar a lista de candidatas escollidas polo conxunto da Corporación municipal para recibir o premio ‘Mulleres de Compostela 2026’, unha distinción coa que o Concello recoñece a traxectoria persoal e profesional de mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven a súa actividade profesional na cidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.

Entre as galardoadas figura Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago, cuxo nomeamento “recoñece o seu liderado no eido da acción social. Segundo recolle o Concello, como directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela lidera a resposta da cidade ante a pobreza e a exclusión, cunha visión profesionalizada da caridade”, tal e como recolle a acta do xurado.

Médica de formación, “foi tamén unha muller con peso institucional e pioneira na política, exercendo como conselleira de Sanidade (2009-2011) e secretaria xeral de Sanidade no Goberno do Estado (2011-2014). Tras ocupar cargos de alto nivel, regresou a Santiago para traballar a pé de rúa e encarna o valor do voluntariado e do servizo público, sendo unha voz de referencia na denuncia de problemáticas actuais da cidade e impulsando campañas que contribúen a unha Compostela máis empática e solidaria”, segundo recoñece o xurado.

A Corporación municipal premiou este ano tamén o valor de As Fillas Bravas de Momán (Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), da foniatra Clotilde Rodríguez Martul, da divulgadora Merche Espiño, da economista María Loureiro, da comerciante Luisa Ríos, da inspectora principal da Policía Local Diana Parente e da avogada Isabel Castillo.

As premiadas serán recoñecidas coa distinción “Mulleres de Compostela” nunha gala que terá lugar o 9 de marzo no Teatro Principal.